lunes, 31 de diciembre de 2012



Xa comezan a sair as convocatorias para os traballos de investigación. A máis madrugadora do 2013 a do Colexio San Viator de Madrid, na que tanto éxitos obtivemos o ano pasado. Ahi vai o enlace para que poidades ir perfilando os vosos traballos.
http://www.colegiosanviator.es/premio/ 

miércoles, 14 de noviembre de 2012

Concurso de Logos: A Voltas co Corpo


Despois da reunión do Comité científico, só queda poñernos en marcha. Hoxe deixamosvos unha presentación dos logos presentados ao concurso que se convocou entre  alumnado de 4 da ESO que cursa a mateia de educación Plástica e Visual. Velaí os resultados. O xurado ten moi difícil escoller este ano. Hai moito traballo e moita creatividade e o mesmo deberá facer quen seleccione, votarlle traballo e creatividade! Sorte a todos e todas.


sábado, 10 de noviembre de 2012


O xoves 8 de Novembro reuniuse o Comité Científico do Centro e, ao redor duns callos magníficamente preparados polo noso chef "Suso". Acordamos comezar as xestións para poñer en marcha un novo Ciclo de  Conferencias, este ano arredor do corpo.
Ademáis das conferencias que o profesorado impartirá, este ano temos algunhas novidades:

  • O día das conferencias mudará para o Xoves, á mesma hora, 18:30, para facilitar os diferentes programas que se levan a cabo no noso Centro educativo. 
  • O Logo que representará ao noso ciclo será o gañador dun concurso de Logos que se realizou entre os alumnos de Plástica de 4º curso no noso Centro. pronto teredes ocasión de velo.
  • Os carteis que anunciarán cada unha das conferencias estarán realizados polo alumnado de 4º curso da ESO e dirixidos pola profesora Renata Otero. O autor ou autores de cada un dos carteis explicarán no acto cal foi a "idea" que lle orientou na súa realización, a metodoloxía empregada ou a anecdota máis significativa do proceso de realización. 
  • Ao final do Ciclo elexiremos o mellor cartel de entre todos os presentados. A elección correrá a cargo dos asistentes as sesións, que en cada unha puntuarán o cartel e a presentación.
  • Seguindo coa dinámica xa implantada o ano pasado, o alumnado de 2º de Bach será o encargado de presentar aos profesores conferenciantes. 

O Ciclo dará comezo á volta de vacacións de Nadal. O día 17 de Xaneiro teremos a nosa primeira conferencia.

martes, 6 de noviembre de 2012

CIENCIA EN ACCIÓN

As profesoras Margarita Olivar e Mercedes Neira, xunto coas alumnas premiadas nesta convocatoria de Ciencia en Acción, recollendo o merecido galardón.
Beatriz Adán,
Antía Freire
Nerea Montes
En representación de todo o alumnado do Centro que participou no Proxecto: Con A de Ames con A de astronomía con A de  Ágora.

miércoles, 31 de octubre de 2012

Con A de Ames, con A de Astronomía, con A de Ágora

O IES de Ames recibe unha mención de honra do CSIC no certame de Ciencia en Acción, celebrado en Cosmo Caixa de Alcobendas, polo proxecto interdisciplinar desenvolvido o curso anterior "Con A de Ames, con A de Astronomía, con A de Ágora". Este proxecto foi un dos 150 seleccionados de toda España e Sudamérica. Defendérono con maestría e ilusión as alumnas Beatriz Adán, Antía Freire e Nerea Montes, acompañadas polas profesoras Mercedes Neira e Margarita Olivar. O xurado destacou a variedade de actividades realizadas e o gran número de materias e profesores que colaboraran. Hai que facer unha mención especial de agradecemento ao profesor Jesús Fidalgo, un dos artífices do proxecto que neste curso xa non está neste centro.
Descargar proyecto en pdf en: http://www.edu.xunta.es/centros/iesames/node/406

martes, 9 de octubre de 2012

Os éxitos do IES de Ames

Algúns dos alumnos que presentaron traballos de investigación este ano. Non están todos pero todos os coñecedes. Rapaces e rapazas que dedican o seu esforzo a estudiar, traballar e pensar. Noraboa a todos, especialmente aos que traballaron conmigo este ano, codo con codo (Mauricio, Marc, Miriam, Andrea, Rosalía, Daniela?, Alicia, Jeny, Maria, Silvia, Noelia, Silvia) e ás que seguen traballando (Cristina, Sara, Mª José, Sofia....) A todos eles moitas gracias.

jueves, 13 de septiembre de 2012

Os nosos traballos deron froitos. Xa foron seleccionados para o Certame de Xoves Investigadores, dous traballos do IES de Ames, os únicos que representaran a Galicia no Congreso que se celebrará en Málaga do 1 ao 5 de outubro. Os traballos premiados foron:
Modelos de Profeso ou profesores modelo? das alumnas de antropoloxía e Os dereitos de autor no ámbito escolar. Guía de traballo e estudio xurídico dun caso. de Andrea Meléndez e Rosalía Seijas. Felicitacións a todas. Pero aínda hai mais, tamén foron o 4ª premio en humanidades no Premio Nacional SanViator. Estaremos no acto de entrega que presidirá a  Dña. Carmen Vela Olmo, Secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación o 6 de outubro en Madrid.

jueves, 14 de junio de 2012

O martes 12 de xuño tivemos unha fermosa e agradable visita na biblioteca do IES de Ames. Veu o poeta Carlos Negro a recitarnos algúns dos seus poemas do libro Makinaria. Poemas para xente nova que falan de xente nova: a inconsciencia da mocidade e a velocidade, sobre como un mozo pode perder a vida na estrada, sobre como o discurso dos "vellos" cae en saco rompido mentres o escoitan con cara de póker. Unha poesía de lectura rápida, que concorda coa obsesión pola velocidade que nos describe, cun só destino: o cemiterio. Nesta visita Carlos recitou os seus poemas levándonos dende a descarga de adrenalina da loucura irreflexiva da velocidade nun sábado noite ata o vacío e horror que deixa a morte inútil e grotesca, polo evitable, dun adolescente que aínda tiña o mellor da vida por diante.

Todo elo mentres vai sacando cochecitos de xoguete dunha caixa, ata un total de 85; os 85 rapaces que morren nun ano nas estradas de Galicia pola “febre do Sábado noite”.

E despois de conseguir que quedemos mudos de emoción e de espanto, coma si se arrepentise de deixarnos cos corazóns cheos de tristura ten un regaliño para cada un de nos: un doce para a boca e un doce para alma; un carameliño para o mal sabor de boca e un verso de amor para aliviar o amargor da alma.

domingo, 10 de junio de 2012

Os traballos de investigación van dando os seus froitos. Podedes ver algúns nas páxinas das aulas virtuais de antropoloxía e de investigación en filosofía. 

martes, 5 de junio de 2012

Aquí está unha pequena mostra da gran proeza desde curso acádemico. Contra os incrédulos, volveuse a facer. Xa temos montado o Musical "Viaxe no Tempo", un proxecto bianual que, de seguro, o ano que ven dará moito que falar. Este é o momento do Musical dedicado á figura de Hipatia e o seu estudio das órbitas celestes.

martes, 29 de mayo de 2012


E xa estamos de novo, desta vez co musical. O evento mais agardado do ano, onde se plasman todos os esforzos, preocupacions e traballo que tiveron lugar durante o ano. Que a sorte sexa propicia e permita  que luza como debe este proxecto tan complexo e tan apaixoante.
Recordade que o venres ás sesións para familias e público en xeral serán as 20:00h e 21:30 horas. Non o perdades, pero se o facedes recordade que poderedes seguirnos aquí e no facebook, e que isto é un traballo bianual, só estamos comezando.....

jueves, 24 de mayo de 2012

Neste IES non paramos de facer cousas. Agora tócalle ao teatro. As alumnas da aula de teatro, da man de Susa Fernández de Lopo, nos deleitan cunha peza creada por elas mesmas.
Domingo, 27 de Maio, Casa da Cultura de Milladoiro. Temos unha cita ás 19:30 h.

FÍOS NA PRATA
Nun tempo teatral, un  obradoiro de bordado dunha vila ábreno-las portas para comparti-los sentimentos e conflitos de:

Dona Tareixa, mestra  que defende que todo o mundo vale para algo”, coma a Carme, pero móstralle a siña Lionora o propio medo ante o futuro da súa filla Noemí.

Noemí, que ten a capacidade para o deseño de seu pai e para o bordado da súa nai, enfróntase    a ela cun : A ti gustaríache que vivise do conto coma a Carme ou que tratase de soluciona-la miña vida cun casamento coma a Elsa?”

Carme demóstranos o que é o afán de superación,   seguindo  a figura de Coco Chanel. “Coñecín moita xente que valorou o meu traballo...e de contado me fixen cunha certa sona”.

Siña Lionora, confidente de dona Tareixa e mais da filla, fai os labores da casa.”Non viu que os bordados que fai pola súa conta, recordan os seus deseños?...Pódeme disire que eu non entendo...pro enghaiolar, enghaiolan”.

Elsa, filla do dono da conserveira da vila, vai ó obradoiro por non quedar na casa. … “pra que aprenda catro cousas de bordado mentres non atopo un noivo como cómpre”

Aida, a reivindicativa, é a filla e irmá duns traballadores da conserveira,. “Elsa, iso que lle dás é a mor parte do soldo do meu irmán na conserva. Non é agasallo do teu papá”.

Sabeliña. A pequerrecha do grupo está atenta ó que lle pide a súa compañeira Xoana e repite sempre o parecer da súa nai. “Miña nai di que…”

Xoana. Ó non poder realizar o que realmente lle gusta, busca o negativo nas compañeiras, mesmo nas amigas. “E levába-las gafas…Porque mira que aguantaches sen levalas…Ti si que non dabas puntada sen fío…Non o vías”
Alí oiremos o Son da radio de NEREA MONTES e a luz poñeralla SABELA CADARSO.

martes, 22 de mayo de 2012

Mañan mercores ás 18:30, esta vez na biblioteca do IES, a derradeira sesión do Ciclo de Conferencias A Voltas coa Creatividade. Con suxerencias de lectura a cargo de Margarita Olivar. Despois deleitaremonos cunha merenda, neste caso, moi creativa. Un peche como se merece para un Ciclo máis do IES de Ames. O ano que ven máis.
 

domingo, 6 de mayo de 2012

Esta vez tócalle á música. Da man de Sonia Roher iremos descubrir en que formas se usa o potencial creativo na música. Coma sempre ás 18:30 na Casa da Cultura de Bertamirans. Excéntricos e Orixinais, con este creativo título agardamos coñecer algúns dos xenios musicais máis creativos, de onte e de hoxe.

lunes, 23 de abril de 2012

Este Mércores na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:30, coma sempre. ENTRE O APÓLÍNEO E O DIONISÍACO, unha charla sobre os fundamentos da creatividade. Con ese título agardamos que o filosófo Nietzsche teña un lugar destacado ao longo da exposición que, desta vez, correrá a cargo do profesor Anxo Sampedro. Unha gran ocasión de saber más sobre os fundamentos da estética contemporánea e tamén sobre un pensador que sempre da moito que falar: Nietzsche.

lunes, 16 de abril de 2012

Outro mércores, outra charla. Esta vez estará con nós o profesor Fernando Saínz que nos levará de novo ao mundo da pintura. A creatividade do pintor, do artista plástico será o tema que abordaremos o mércores 18, coma sempre ás 18:30, na Casa da Cultura de Bertamirans. Seguro que levaremos máis ca unha sorpresa. Agardamos que a desfrutedes, coma sempre.

martes, 10 de abril de 2012

Este mércores, teremos como orador ao popular profesor Kiko Bouzas. Seguro que a súa charla non deixará a ninguén indiferente. Partirá, por suposto, da súa experiencia persoal coas tarefas creativas, das que todos e todas temos xa noticias, pero, de seguro que nos achegará unha visión nova e refrescante das personalidades creativas.


Socorro! son creativo é o título da charla que impartirá o día 11 de Abril ás 6:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Agardamos que todos desfrutedes dela.

miércoles, 7 de marzo de 2012

Este Mércores 14 de Marzo, despois dunha pausa, reiniciamos as conferencias do Ciclo e seguiremos dando voltas á creatividade. ESta vez da man da profesora Lucinda Sousa que nos recordará a forza creativa das linguas. Neste caso a Lingua Inglesa.
"As forzas creativas da Lingua Inglesa". O mércores 14 de Marzo, como sempre ás 18:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns.
 

lunes, 13 de febrero de 2012

E seguimos indagando sobre a creatividade. Despois de tanta aproximación físico-cuántica e científica volvemos a poñer os pes na realidade material, ou non? A profesora Pilar Tobar achegaranos esta semana aos mapas e a súa construcción, unha faceta máis da creatividade humana. Seguro que nos reserva algunha que outra sorpresa.
Mércores, 15 de Xaneiro ás 6: 30 "Creadores de Mapas na época dos Descubrimentos".

lunes, 6 de febrero de 2012

Consciencia e Física Cuántica

Un novo mércores, un novo tema. Esta vez a cargo do profesor de Física e Tecnoloxía Antonio Vázquez. Un tema moi de actualidade. Moitos dirían que é a empresa científica do século XXI, desvelar os segredos da conciencia. Equipos interdisciplinares traballan en este tema. O profesor Vázquez nos dará a perspectiva da física, pero todo en relación coa conciencia é un enigma. E sen non o credes non tedes máis que ver o enigma desta semana. Vai de gatos, inmortalidade e intelixencia.... en http://filonexos.blogspot.com/.
Despois da cónferencia do mércores na Casa da Cultura de Bertamiráns seguro que poderedes solucionalo. Recordade ás 6:30 

sábado, 28 de enero de 2012

Como se fan matemáticas: Pascal e Turing. Seguimos A Voltas coa creatividade. Esta vez, nas matemáticas. Matemáticos creativos houbo moitos. Case podemos dicir que matemáticas e creatividade son inseparables. Só imaxinando mundos posibles, entes que non podemos observar, é posible "facer matemáticas". O profesor Berriochoa promete falarnos dalgunha das figuras máis emblemáticas en este quefacer matemático e creativo. O mércores, coma sempre, ás 18:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns.

miércoles, 25 de enero de 2012

Diversos problemas retrasaron a chegada do cartel da conferencia que terá lugar, hoxe mércores ás 18:30, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Aínda así no queríamos deixar de facernos eco dela. Jesus Fidalgo disertará hoxe sobre Causalidade e Casualidade na investigación científica. Un terreo sobre o que, de seguro, terá moito que dicir. Esperanos outra sesión apaixoante.

domingo, 22 de enero de 2012

Conguitos, gominolas e estratexias de ligue

Onte tivo lugar a inauguración do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria.
Este ano o tema ao que se lle vai dar voltas é o da creatividade. Patricia Rey, a quen correspondeu a presentación da poñente da primeira sesión, destacou que ninguén máis adecuada para inaugurala que Renata Otero. Ela foi quen defendeu a necesidade de tratar este tema e, segundo a experiencia de Patricia como alumna, a profesora de Educación Plástica e Visual insiste unha e outra vez na necesidade de desenvolver a capacidade creativa que todos temos.
Tamén houbo estrea de local. Por primeira vez realizouse a sesión na Casa de Cultura. O cambio de ambiente notouse e hai partidarios inamovibles do Pazo que non acaban de ver ben a mudanza. Quedan moitas charlas por diante e xa se verá o resultado da experiencia.
A asistencia foi moi numerosa, e a intervención de Renata Otero respondeu as expectativas que ela esperta: os participantes fixeron experiencias sensoriais con conguitos e gominolas, realizaron enlaces inverosímiles entre palabras e deseñaron estratexias de ligue no cine. Era Renata. 

domingo, 15 de enero de 2012

Xa está aquí! Comeza o novo Ciclo de Conferencias de Formación Complementaria do IES de Ames. Agardamos que este ano esperte tanto interese como os anteriores. O tema, xa o sabedes: A Creatividade. Reflexionaremos sobre a súa orixe, as persoas que a posuiron en grao máximo, as súas diferentes facetas... e, como non tamén faremos crítica, iso si, sen perder de vista que como defenderá a profesora Renata Otero: Todos/todas podemos ser creativos, só temos que querer.
Agardamos impacientes que nos dea pistas na súa charla para poder mellorar esta faceta da nosa personalidade que tanto pode facer por alegrarnos a vida. Así que xa sabedes:
 o Mércores 18, ás 6:30 temos unha cita na Casa da Cultura de Bertamiráns. Vémonos.

sábado, 14 de enero de 2012



Pablo Valledor, de novo, representará ao IES de Ames e a Galicia nas Olimpiadas de Bioloxía. O noso compañeiro como publica hoxe a prensa "arrasou" na Olimpiada Galega á que concurriron máis de 35 centros educativos. Noraboa Pablo!